31 mar 2011

5ª SESIÓN (29 de marzo de 2011)

O pasado martes tivo lugar a clase adicada ao tema da Habitabilidade Básica. Nela Plácido Lizancos, arquitecto e profesor da UDC, introduciunos brevemente neste concepto de requisitos mínimos para a consideración dunha vivenda digna. En primeiro lugar realizou un breve cuestionario para comprobar se coñecemos ó mundo no que vivimos, ó que inmediatamente daría resposta. Coa pregunta de cantidade de auga consumida nun día destacou que 1100 millóns de persoas comezan o día sen auga potable. A seguinte cuestión era o valor da casa, e afirmou que o problema da vivenda no mundo non se soluciona con cartos senón con moito capital e que os que axudan realmente aos pobres son os pobres! Introduciunos tamén na relatividade da pobreza, definíndonos pobre como aquel que non ten os medios suficientes para subsistir.

Logo tratou o tema da electricidade, comprobando que case ninguén sabe cal é a cantidade de electricidade que se consume en un fogar; logo se non sabemos o que consumimos, como vamos a saber o que hai que aforrar? Xa para rematar preguntou cál é o animal máis perigoso do planeta exceptuando ao home; as respostas foron do máis "variopinto": o hipopótamo, o león... Pero a resposta é a mosca e o mosquito. E como se convate esto? Con DDTs? Non! Con habitabilidade básica: mosquiteras, illamento, etc. Estes dous insectos son a principal causa de mortandade no mundo, sendo causantes de enfermidades como malaria, infeccións parasitarias... "Unha mosca mata máis que mil tigres", dito chinés.

A grandes rasgos podemos considerar 6 tipos de vivendas: habitabilidade extraordinaria, habitabilidade precaria, slums, favelas e vilas miseria, os sen teito, os refuxiados e os ocupas ou con vivenda compartida. Como dato: para o 40% da humanidade o planeta Terra é tan habitable como Neptuno, e este número medra en 80 millóns de persoas cada ano. Definiunos moi brevemente as condicións de qué está considerado Habitabilidade Básica: 7 m2/persoa, illamento térmico axeitado, auga a menos de 300 m (non necesariamente potable), propiedade documentada... Botaríamonos as mans á cabeza nunha destas situacións! Pero é o estipulado pola ONU!

E para dar unha nova visión do mundo no que vivimos Cris fixo unha exposición acerca das proxeccións cartográficas existentes, das numerosas formas das que podemos ver a Terra. Achegounos á proxección de Gall-Peters, un mapa que respeta o tamaño real dos continentes. Estamos acostumados a ver a proxección de Mercator, onde Europa aparece no centro do mundo e o norte do planeta tremendamente amplificado fronte a reducción do sur.

Seguro que máis de un se quedou sorprendido ao ver que o tamaño de África, por exemplo, é realmente enorme. En fin, quizáis algún día logremos implantar esta proxección nas escolas como pretendían os cartógrafos do capítulo "El ala oeste de la Casa Blanca".

Vémonos o martes para seguir con temas de habitabilidade básica, pero máis pretiño de nós!

No hay comentarios: