28 feb 2010

ANUNCIO 2ª SESIÓN

CICLO DE CONFERENCIAS / CURSO:

"INTRODUCCIÓN Á COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO"

Martes, 2 de marzo de 2010:

Comercio e Desenvolvemento

- Conferencia de Enrique Sáez Ponte, economista, avogado e escritor de numerosos libros e artigos periodísticos. Analizará a relación entre o comercio e o desenvolvemento e a situación mundial actual.

A continuación proxectarase o documental "La Corporación".

O martes, 2 de marzo ás 18:00h na Aula 7 da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, no Campus de Elviña.

25 feb 2010

1ª SESIÓN: (23 de febreiro de 2010)

Saúdos.

Tralo comezo da asignatura ICD o pasado martes 23 de febreiro, iniciamos este blog coa esperanza e interese de que o leades; trátase de dar unha visión diferente de cada clase, con algún toque anecdótico, etc.

En primeiro lugar José Anta, profesor da UDC, presentou a asignatura, intentando deixar claro que é algo completamente diferente ao que estades acostumados a recibir, e que a vosa participación semanal é imprescindible para un bo funcionamento da mesma.

Lorena Rilo, deu a coñecer a Oficina de Cooperación e Voluntariado, citando os proxectos que teñen en marcha actualmente: infancia e adolescencia, persoas sen fogar, reclusos, hospitalizados... Xa entón foi a nosa quenda, a dos voluntarios, na que intentamos deixar claro o papel que representamos e sobre todo a seriedade nas entregas e na asistencia... Na enquisa inicial observamos que o nivel de coñecementos na materia non é moi alto, pero intentarase poñer solución a isto ao longo das clases. Tivemos a idea de pasar lista en voz alta, para irnos coñecendo e participando e a verdade foi que ninguén se animou a dicir nada.

Tocaba entón a reprodución de “Binta y la gran idea” pero os problemas técnicos de última hora fixéronnos pasar un mal traguiño! Pódense sacar unha morea de ideas desta proxección, ideas de futuro para unha mellora da situación dos países subdesenvolvidos: o interese pola escolarización feminina, o acceso ás melloras tecnolóxicas como inicio de progreso...

Xa para rematar divertímonos facendo a dinámica das cadeiras, incentivando por tódolos medios a vosa participación (¡ata con piruletas!), e ao final conseguímolo en certa medida. Como conclusión todos sacamos o mal reparto da riqueza no mundo e a nosa pasividade ante este problema, ¡e foi entón como acabamos debatindo sobre a nosa participación nas pelexas nocturnas!Esperamos que tiverades unha boa primeira impresión.

¡Ata o martes!

18 feb 2010

ANUNCIO 1ª SESIÓN

Presentación da X Edición do CICLO DE CONFERENCIAS/CURSO:
"INTRODUCCIÓN Á COOPERACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO"
Este martes, 23 de febreiro ás 18:00h na Aula 7 da Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña.
Intervirán:
- Enrique Peña González, profesor da Universidade da Coruña.
- Lorena Rilo Pérez, técnica da Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña, que se encargará de presentar e dar a coñecer as actividades que realizan dende este organismo.
A continuación proxectarase o documental "Binta y la Gran Idea" de Javier Fesser.